Desde sempre, as xentes da escena levamos as nosas historias por vilas e aldeas. Este proxecto, ademais, pretende descubrir as historias que viven nos lugares que nos acollen.
Vivimos no inmediato e esquecemos con moita facilidade. Non lembramos quen somos, de onde vimos, e, polo tanto, unha sensación de perda aniña en nós. A oralidade, durante moito tempo, foi o mecanismo exclusivo de transmisión da nosa cultura, da memoria dos contos, das palabras, dos nosos medos e esperanzas. Se perdemos esa memoria, perdemos tamén as ferramentas que nos fan situar no mundo e comprender a sociedade que nos rodea. Sentimos soidade e desamparo. Volvémonos fráxiles. Por iso é tan importante recuperar as historias que nos devolven a identidade.
En Galiza contamos cunha tradición oral excepcionalmente viva. A través dela desenvólvense contos, lendas, sucedidos, lances reais de vidas reais. Nesa tradición atopamos o que somos. Nesa tradición encadramos Facer Memoria.
Este proxecto pretende promover o valor cultural e simbólico da transmisión oral e, a súa vez, fomentar a recuperación de lugares propicios para o intercambio de experiencias, saberes e historias ligadas ao territorio.
Deste xeito, Facer Memoria quere recoñecer o traballo realizado por persoas e asociacións de base, promovendo a súa continuidade e animándoas a xerar os seus propios contidos nos que reflectir o patrimonio inmaterial do lugar.
Facer Memoria é unha forma de reivindicar a importancia da oralidade na nosa cultura, un xeito de recuperar espazos onde encontrarnos e de pór en valor as historias relacionadas co territorio. A partir da segunda edición do programa, Facer Memoria pecha o círculo do proceso, creando e difundindo unha serie de podcast nos que conservamos as voces, as palabras e os acentos das persoas que nos transmitiron as súas historias.
Facer Memoria desenvolve ao longo dunha semana un completo programa de accións e actividades
Encontros
2 encontros abertos da narradora Paula
Carballeira con asociacións do concello e 1 encontro final no teatro. Neles, dámoslles voz ás lembranzas do público para reconstruír unha historia do lugar.
Escolas
Durante a nosa estancia, para alén das xuntanzas abertas, organizamos un encontro co alumnado dun dos centros educativos do concello que teñan traballado algún tema sobre a memoria local.
Entrevistas
Tamén mantemos entrevistas con persoas que, de maneira individual ou colectiva, traballan na recuperación da memoria local ou que, simplemente, teñen interese en colaborar co proxecto.
A primeira edición de Facer Memoria consistía na realización de actividades exclusivamente presenciais nos concellos de Viveiro, Fene, O Barco e A Estrada. Neses encontros contáronnos historias de todo tipo, desde contos como o de Julio Palleta, sucesos como a caida da Ponte de San Fernando ou o conflicto da veciñanza de Maniños co cura polo uso do cemiterio.
Financian
Colaboran
Web Financiada por
Co apoio de