
Ubasute
Ubasute é un dos máis recentes textos de Paula Carballeira, publicada na Editorial Galaxia. Unha peza de aparencia simple máis de difícil clasificación que conxuga xéneros e abre enigmas para colocar o foco de atención na reflexión ao redor do abandono.
Ubasute é un termo xaponés que significa literalmente “abandono dunha anciá” e que se refire ao presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado a un parente vello ou enfermo. Existen referencias dese costume na tradición oral de numerosas culturas, pero ningunha proba. Esta práctica que parece anacrónica ou propia de culturas ignotas, pode detectarse tamén no noso contexto máis inmediato. Sen ir máis lonxe, a morte en soidade das nosas maiores durante a pandemia provocada pola covid-19 devólvenos un claro exemplo e non illado de abandono masivo de persoas anciás. Hai linguas que só teñen unha palabra para o abandono, pero iso non quere dicir que non haxa diferentes maneiras de deixar para sempre algo, alguén, a ti mesma, e pouco importa que intentes cambiar de espazo, que creas que indo ao Xapón conseguirás afastar de ti o abafo, a culpa ou as pantasmas. Non existe un lugar no mundo onde fuxir da poesía, e a poesía trae de volta os recordos.
Proxecto
A rareza e singularidade do texto que propón Paula Carballeira permiten pensar nunha proposta de dispositivo escénico na que os elementos de significación estean ao servizo da historia que se conte pero gañen protagonismo ampliando a potencia poética e evocadora que posúe. Así, o diálogo explícito e implícito coa cultura xaponesa a través de referencias e termos concretos como A balada de Narayama, tratados como Eloxio da sombra de Tanizaki, arquitecturas e sonoridades orientais, entre outros, servirán para construír as diferentes capas sobre as que se asenta Ubasute.