Boas Noites
A proposta de Berrobambán para a posta en escena de «Boas Noites» inclúe música en directo con tres músicos que interpretarán temas orixinais compostos especialmente para esta montaxe, e un elenco de cinco actores e actrices.
Para poder durmir ben tes que acabar cos teus medos, iso sábeo de sobra Pedro Chosco, que é quen nos trae o sono cada noite. Xiana, pola contra, só pensa en atopar algo de tempo para xogar. Polo día, o pai e a nai de Xiana queren que a súa filla faga unha chea de cousas, pero pola noite é libre para deixar voar a imaxinación.
Cando Xiana topa con Pedro Chosco descubrimos que a noite garda tamén os misterios que non se atreven a asomar á luz do día. Debes ter conta, porque se non dormes, saberás que algo se agocha entre as sombras.
Obra gañadora do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, «Boas Noites» propón unha achega contemporánea a personaxes da mitoloxía popular galega, con boas doses de humor e música.