Adeshoras
Un espectáculo mudo, tenro, e sorprendente especialmente pensado para gozar con toda a familia a partir dos 5 anos.
Berrobambán regresa ao territorio mudo, á linguaxe visual, ao humor sen palabras que lle valeu o recoñecemento internacional e faino, nesta ocasión, da man de dúas recoñecidas mulleres do teatro galego: Paula Carballeira e Nuria Sanz.
Ás veces, descubrimos nas historias dos outros quen realmente somos. Iso é o que lle acontece á Vella desta peza. Amodo, xogando, recupera o fío que a leva a recoñecerse no espello. Unha visita a deshoras acaba coa súa soidade, facendo que se volva sentir nena, a nena da carapucha vermella.
Con moito humor poñémonos na pel da avoa na que se convertiría Carapuchiña Vermella. Agora é ela a que vive lonxe, escoitando os ouveos do lobo. Ten frío, ten fame, ninguén se lembra dela e, polo tanto, vai quedando sen memoria. Só o lobo peta na súa porta. Un lobo tan esquecido e fráxil coma ela. E xogan ás agachadas. E acompáñanse nas noites de inverno. E as súas gargalladas soan por riba do vento, botando fóra os medos.