Licenciada en Filoloxía Hispánica, realizou un curso de Posgrao en Arte Dramática na Universidad de Santiago de Compostela. Adícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1994.
É membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación para público familiar ASTEROIDE B-612, que se desenvolveu na Sala Nasa de Santiago de Compostela e no concello de Ferrol. Ademais dun traballo continuado en Berrobambán , traballa como actriz, directora ou dramaturga en propostas ocasionais doutras compañías. Dirixiu os espectáculos de Talía Teatro; “Mundos contados”, “Pequena” e “Rosa Caramelo e outras historias”; dirixiu e interpretou a proposta do Centro Dramático Galego para público infantil: “A cabana de Babaiagá” (estreada en marzo do ano 2006), e participou como actriz no espectáculo “Desde a sombra/Bufóns e Pallasos” da compañía Magrinyana.
No ano 2021 realizou a dramaturxia e dirixiu xunto ao seu compañeiro de Berrobambán Chiqui Pereira, a gala dos premios María Casares do Teatro Galego e escribiu o texto “Sinfonía en catro movementos veciñais” para o proxecto Dramawalker da compañía Chévere na súa coprodución co Centro Dramático Nacional. No ano 2022 traballou como asesora en dramaturxia para a compañía A Panadaría nasúa coprodución co Centro Dramático Nacional “As que limpan”.
Algúns premios e recoñecementos recibidos son:
IV Premio Laudamuco de Textos Teatrais. Premio da Gala do Libro Galego na categoría infantil no ano 2021. Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) nos anos 2006, 2011 e 2018. Premio Frei Martín Sarmiento no ano 2016. Premio Isaac Díaz Pardo e inclusión na Lista Internacional White Ravens no ano 2007; Premio Lecturas nos anos 2001 e 2002. Mención Especial do Xurado do III Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Finalista Premio ASSITEJ de Textos Teatrales para la Infancia y la Juventud no ano 2015. Finalista na categoría de “Adaptación de texto dramático” nos premios María Casares convocados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 2016. Finalista na categoría de “Texto orixinal” nos premios María Casares convocados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 2007. Finalista nos Premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na categoría de Teatro nos anos 2007 e 2014.
Web Financiada por
Co apoio de