Desde a súa creación no ano 2000, producimos máis de vinte espectáculos de teatro dirixidos a todo tipo de público: infantil, familiar, xuvenil e adulto. Con eles participamos en programacións e festivais de países como Canadá, Corea, Portugal e Colombia.
Paralelamente, a compañía mantivo outra liña de traballo a través do desenvolvemento de proxectos cun marcado carácter social e/ou educativo, por exemplo:
“Asteroide B-612”, a primeira programación estable de teatro para familias de Galicia que organizamos nas cidades de Santiago de Compostela e Ferrol.
“Elas presentes”, unha proposta integral para traballar o tema da invisibilidade da muller nos temarios dos centros educativos que desenvolvemos co apoio da Deputación da Coruña no ano 2019.
Tamén destacamos o noso interese pola colaboración con outras entidades, especialmente editoriais como Edicións Positivas, Xerais ou Galaxia, coas que participamos puntualmente na publicación de textos teatrais, unidades didácticas e mesmo no deseño de campañas de animación á lectura.
Hai uns anos, a compañía deu un xiro no seu modelo de creación, apostando por novos elencos, a atención a outro tipo de públicos e linguaxes e coa ollada posta na internacionalización a través do desenvolvemento de coproducións como Doppelgangër.
No ano 2021, desenvolvemos un plan director para os anos 2021 – 2027 co que adaptar a súa actividade a novos modelos de xestión, produción, distribución e exhibición. Este plan susténtase en tres eixos:
Creación de produtos presenciais que axuden a diversificar e descentralizar as programacións culturais polo territorio, optimizando as redes de equipamentos municipais.
Apertura da compañía na creación de novos contidos dixitais culturais que complementen o universo das propostas presenciais da compañía, con especial atención á ficción sonora e a divulgación.
Compromiso coa transición ecolóxica. Reducindo a pegada ecolóxica en todos os procesos de creación e exhibición dos espectáculos e contidos.
Desde os inicios, caracterizámonos pola procura de novas canles de produción e distribución dos seus espectáculos. A compañía foi pioneira non só na produción de espectáculos dirixidos a público familiar, senón tamén na posta en marcha da primeira programación estable e multidisciplinar en Galicia destinada a este tipo de público.
Tamén foi precursora á hora de pór a disposición contidos multimedia en internet: unha serie de vídeos paródicos que naquel momento (ano 2001) chegaron a máis de 1000 descargas mensuais. Posteriormente, a compañía continuou desenvolvendo contidos interactivos como:
2007
Edición do Dvd interactivo do espectáculo «Boas noites» en colaboración con Edicións Xerais de Galicia. Tratábase dunha edición especial do libro premiado co Manuel María de Literatura Dramática Infantil que contaba cun xogo, unha guía visual dos personaxes da mitoloxía galega e a música orixinal composta especialmente para o espectáculo teatral.
2009
Publicamos a guía didáctica online e interactiva do espectáculo «Bicharada» que consistía nunha serie de xogos que complementaban os contidos pedagóxicos presentes na peza teatral.
2010
Pressing Catch supuxo a primeira colaboración cun medio de comunicación galego (Xornal de Galicia) e contou coa publicación dun disco con máis de
10 bandas musicais galegas emerxentes como: DKTC, Novidades Carminha ou Galegoz. Ademais cada representación ía acompañada dunha serie de actividades paralelas como a presentación do libro ou unha batalla de DJ’s na que participaban membros de Dios Ke Te Crew e Malandrómeda.
Confinamento
Durante a etapa de confinamento, a compañía colaborou con diversas entidades de Galicia para ofrecer contidos en liña para público familiar en galego. Así, dous espectáculos da compañía estiveron dispoñibles tres veces ao día durante todo un mes. Tamén participamos co espectáculo para público adulto «Doppelgänger» na programación dixital de Acción Cultural Española no Centro Cultural España en Buenos Aires (CCEBA).
Web Financiada por
Co apoio de