Filosofar a paus

«Filosofar a paus» é un espectáculo teatral que se propón resolver un enigma: A desaparición das mulleres da historia da filosofía.

Con ese obxectivo, un actor e unha actriz convocarán en escena a presenza de figuras como Hiparquia a cínica ou Simone de Beauvoir, mais tamén interrogarán a filósofos como Aristóteles, Hume ou Rousseau.

Entre o thriller detectivesco e a aventura de superheroes , «Filosofar a paus» proponse convidar os espectadores e espectadoras a desenvolver a súa propia aventura: a de pensar de forma crítica sobre o silencio (cando non as mentiras), que a “gran filosofía”, a que se estuda nos manuais de Historia da Filosofía, ten reservado para a muller.

Filosofar a paus é un espectáculo que achega aos adolescentes a problemática da discriminación das mulleres ao longo da historia de xeito ameno e divertido.

Este espectáculo pertence ao proxecto pedagóxico Elas Presentes.