Avestruz en terra allea

«Avestruz en terra allea» recolle a aparente sinxeleza e o carácter lúdico do poemario para camiñar cara adiante coa ilusión de quen comeza unha aventura que deixamos atrás na infancia.

«Avestruz en terra allea» componse de pequenas escenas da nosa vida cotiá, que poderían ser as mesmas que as de calquera outra persoa, escenas das dificultades que atopamos no camiño de facernos adultos, cando descubrimos que os problemas, os compromisos, as responsabilidades ou as decepcións non acaban na infancia, senón que se van multiplicando, e como a liberdade que soñabamos conseguir ao ir medrando continúa resultándonos inalcanzable.

Seguimos sendo fillos ou irmáns, e seguimos tendo os problemas que tiñamos antes por selo; aínda damos explicacións, aínda competimos e pelexamos. Pero ademais agora somos pais ou nais, parella de alguén, empregados ou xefes… coma se obtivésemos pracer en acumular roles e obrigacións, coma se en realidade necesitásemos complicarnos a vida, coma se buscásemos estar rodeados de xente para seguir sentíndonos sós.