Berrobambán

Desde o ano 2000 producimos un total de once espectáculos teatrais para público familiar, entre os que podemos destacar «Boas Noites, «Bicharada», «O Refugallo» ou «Xurdefet» que tiveron un notable éxito de público, converténdonos nunha das compañías galegas con maior número de espectador@s.

Participamos en programacións de Galicia, España, Portugal, Corea e Canadá e, polo medio, organizamos o Asteroide B-612, a primeira programación familiar estable en Galicia e o Circo-lar, unha programación familiar para a Consellería de Cultura. O CDG encargounos «A Cabana de Baibaiga», a adaptación dun conto ruso con moita, moita música. Tamén realizamos espectáculos de animación á lectura que nos levaron por moitas bibliotecas e centros educativos.

Neste tempo estreamos catro espectáculos para público adulto; «NdC.», «Vendetta», «Pressing Catch» e «Avestruz en terra allea».