Calquera día é bo para unha festa, aínda que a túa nai non queira que saias da casa, por se te mollas, por se te ensuxas, por se alguén te leva, por se non atopas o camiño de volta, por se…

Unha muller, que foi nena hai algún tempo, volve ao patio da súa casa e lembra un día de festa no que descubriu que os animais tiñan preocupacións moi semellantes ás súas: non querían medrar nunha gaiola, non querían que os insultasen, non querían aburrirse, non querían xogar sen compañía.

Partimos do seu poema Jour de fête, para realizar unha dramaturxia con textos dos libros Histoires, Choses et autres, e, sobre todo, Contes por enfants pas sages. Os textos de Jacques Prévert devolvennos a luz da infancia nunha época difícil facendo que lles prestemos atención aos pequenos milagres da nosa contorna: a natureza, os animais, as persoas, para descubrir grazas á música das palabras algúns momentos de auténtica felicidade. Prévert é subversivo, anárquico, surrealista, e deixa abertas as portas das gaiolas nas que ás veces nos metemos sen querer.

Como referencia estética para a creación, tanto do espazo escénico como da caracterización de personaxes, escollemos a un contemporáneo a Prévert: Jacques Tati. que levou ao cine a limpeza e o ritmo do clown. As coreografías, a simetría e o suave emprego da cor deste director, organizan un universo caótico que parece danzar nas entradas e saídas dunha variedade de personaxes definidos tan só cun par de trazos físicos.

En escena

Ficha técnica

Público:
Familiar

Duración:
80min

Ficha artística

Intérpretes:
Paula Carballeira
Nuria Sanz
Chiqui Pereira

Texto:
Paula Carballeira, a partir de textos de Jacques Prévert

Dirección:
Chiqui Pereira

Escenografía:
Nadina

Dossier