Berrobambán regresa ao territorio mudo, á linguaxe visual, ao humor sen palabras que lle valeu o
recoñecemento internacional e faino, nesta ocasión, da man de dúas recoñecidas mulleres do teatro galego: Paula Carballeira e Nuria Sanz.

Nalgún lugar, lonxe de todo, ao caer a noite, unha muller le un libro que parece conter as historias do mundo enteiro. A música acompáñaa na soidade. Soan badaladas. Anuncian un baile?. Un lobo ouvea. Está a porta pechada con chave? Leva tantos anos ás costas, esa muller, que xa non lembra quen é. Precisamente por iso pode xogar a ser quen ela queira. A protagonista do seu conto. A do zapato de cristal, a da caixa de mistos, a da mazá envelenada, a do camiño de migallas de pan, a da casiña de chocolate… Quen chama a deshoras? Terá fame?

Ás veces, descubrimos nas historias dos outros quen realmente somos. Iso é o que lle acontece
á Vella desta peza. Amodo, xogando, recupera o fío que a leva a recoñecerse no espello. Unha visita a deshoras acaba coa súa soidade, facendo que se volva sentir nena, a nena da carapucha vermella. Con moito humor poñémonos na pel da avoa na que se convertiría Carapuchiña Vermella. Agora é ela a que vive lonxe, escoitando os ouveos do lobo. Ten frío, ten fame, ninguén se lembra dela e, polo tanto, vai quedando sen memoria. Só o lobo peta na súa porta. Un lobo tan esquecido e fráxil coma ela. E xogan ás agachadas. E acompáñanse nas noites de inverno. E as súas gargalladas soan por riba do vento, botando fóra os medos.

En escena

Ficha técnica

Público:
Familiar

Duración:
80min

Ficha artística

Intérpretes:
Nuria Sanz
Chiqui Pereira

Texto:
Paula Carballeira

Dirección:
Paula Carballeira