Vivimos na era do medo. Temos medo de case todo; e o medo, amais de limitar a nosa liberdade, anúbranos o entendemento e fainos manipulables, bonecos nas mans das novas tecnoloxías, dos
medios de comunicación, do poder. É curioso que un dos programas máis vistos nos últimos dez
anos en varias televisións do planeta sexan os dedicados á loita.

Berrobambán afonda naquilo que nos impulsa a querer contemplar a violencia, dende o circo romano até o formato televisivo do «wrestling». Pero os seus loitadores e loitadoras non son Hulk Hogan: son xente da vida cotiá. «Hoxe tocoulles estar entre o público, pero mañá, calquera de vostedes pode estar no ring». Berrobambán fai teatro do espectáculo do «pressing catch», tomando algunhas das súas convencións: os epítetos dos loitadores, a acrobacia, a música que os acompaña… Pero introducindo variantes coma o coidado dos diálogos, a presenza feminina, e, sobre todo, a descontextualización da loita.

Pressing Catch vai alén da montaxe: amais do certame de cancións en galego, os combates de Dj’s en pubs locais ou as presentacións do texto nas librerías, achegou tamén pequenas curtametraxes realizadas por Carlos Alberto Alonso, que contan a vida do e das protagonistas cando están fóra do ring. Estas pezas audiovisuais contan con «cameos» estelares, intervencións de actores e actrices que o público poderá recoñecer e que se prestaron desinteresadamente a colaborar no proxecto.

Histórico

Ficha técnica

Público:
Maior de 18

Ficha artística

Intérpretes:
Hugo Torres
Chiqui Pereira
Anabell Gago
Paula Carballeira

Texto:
Paula Carballeira

Dirección:
Quico Cadaval

Escenografía:
Pablo ‘Pastor’

Vestiario:
Cloti Vaello

Dossier